Imos aprender a empaquetar e desempaquetar arquivos para despois comprimir para traballar con copias de seguridade. Cun chisco de sorte non nos pasa o da universidade de Kioto. A idea é que imaxinemos que estamos no servidor central dunha empresa e queremos ter actualizadas as copias para en caso de inundación, volcán ou ramsonware estar preparados.
O teu traballo:
O primeiro na nosa máquina virtual con Linux actualizamos paquetes e facemos unha instantánea.
Imos paseniño aprendendo a empaquetar e comprimir:
- Creamos un directorio chamado orixinais/ e engadímoslle fich1.dat fich2.txt
- Creamos o directorio copias/
- Fabricamos o arquivo empaquetado do que hai en orixinais/ e gardámolo nun directorio ao que imos chamar copiazo.tar:
tar -cvf copias/copiazo.tar orixinais/
Fai a proba de non usar a opción -v. Que acontece?
- Comproba que se creou o empaquetado con:
ls copias/
- Se desexamos ver o contido do .tar sen desempaquetalo faremos:
tar -tf copias/copiazo.tar
- E se queremos desempaquetalo o que faremos será crear un directorio para gardalo ao que chamaremos:
mkdir recuperar/
- Desempaquetamos con:
tar -xvf copias/copiazo.tar -C recuperar/
- Queremos engadir un ficheiro ao .tar que se chama fichNovo.txt. Ou volvemos a comezar con todo ou engadimos directamente ao empaquetado:
touch orixinais/fichNovo.txt
tar -uvf copias/copiazo.tar orixinais/fichNovo.txt
- Se cando creamos o .tar queremos que o resultado estea comprimido precisamos engadir -z para que use gzip e tamén indicar a extensión .gz onde o nome do ficheiro:
tar -czvf copias/copiazoComprimido.tar.gz orixinais/
Agora tócache a ti subir este traballo:
- Fabrica unha carpeta que se chame exercicio 1/ e que teña tres ficheiros .html e un directorio chamado fotos/ con outros dous ficheiros dentro, un deles debe ser .jpg e outro .png.
- Fai o que precises para empaquetalos e comprimilos.
- Mostra o resultado de visualizar o contido do paquete usando a opción de tar axeitada.
- Descomprime e desempaqueta o ficheiro .tar.gz e mostra o resultado xunto co comando co que o fixeches.
- Conta todo o procedemento realizado.

