Guerreiros da rede

Como funciona eso de que eu quero visitar unha páxina web e ao facer clic aparece no meu navegador? Falamos do modelo OSI en teoría, agora imos velo en “debuxiños”

Absolutamente toda persoa que sabe algo de redes veu esta animación. Está mooooi ben. Confío que entendades caseque todo. Pode que algunhas cousas aínda non as víramos polo miúdo.

O teu traballo:

Tes que ver si ou si este vídeo de animación. Na propia web tes a transcrición, con algúns defectillos. Antes pescuda o que é: firewall, ping da morte, proxy e outros termos que non entendas e aínda non vimos.

Traballo voluntario para ti (veña, vale, sube nota) tes que facer un vídeo no que expliques en plan teatral o modelo OSI e todo o das cabeceiras, cola, tramas, segmentos, portos… imaxinemos que un compi está enfermo e ten que enterarse ben.

 

Practicamos o cifrado asimétrico

Agora imos traballar creando dúas chaves: unha pública para pasar a todo o mundo e outra privada que gardaremos e manteremos en secretísimo.

Esquema de criptografía asimétrica

O teu traballo:

Creamos a parelliña de chaves pública e privada.

gpg --gen-key

Imos consultar o chamado anel de chaves, ou sexa o almacén onde se gardan:

gpg --list-keys ou abreviado gpg -k

Fíxate ben no que me sae a min. Esa ristra enoorme de números e letras é a miña chave pública. Fai un copiazo co rato da túa chave pública: fíxate ben que collas todos os caracteres.

Vou crear un ficheiro para compartir a miña chave pública. Fai ti o mesmo coa túa:

gpg --output chavePub.gpg --export DC9687D1AFD5496971ECAC566D636BD7C7DF2228

Revisa que creara o arquivo e fíxate na pinta que ten. Imos subila a un servidor de chaves públicas dunha universidade americana, o MIT. No meu caso:

gpg --send-keys --keyserver pgp.mit.edu DC9687D1AFD5496971ECAC566D636BD7C7DF2228

Vai á páxina e comproba que estás alí.

Se vai moi lento podes intentalo nun servidor español:

gpg --send-keys --keyserver pgp.rediris.es DC9687D1AFD5496971ECAC566D636BD7C7DF2228

Estupendo, xa podemos intercambiar mensaxes secretas con criptografía de chave asimétrica.

Outros servidores de chaves aquí e aquí