Creación de imaxes

Traballamos ata agora con imaxes .iso descargadas de internet. O plan para hoxe é crear as nosas propias imaxes.

O teu traballo:

Bótalle un ollo a este vídeo e responde ás cuestións tal e como o conta o autor:

  1. Que é Clonezilla?
  2. Cales son as razóns polas que o usa?
  3. Que dispositivos usa para a tarefa?
  4. Que sistemas operativos ten no seu ordenador?
  5. Que cousas comenta do cifrado de disco?
  6. Cal é a razón pola que Clonezilla comprime as imaxes?
  7. Que significa restaurar un disco?
  8. Por que escolle local_dev?

Condicionais

Facer o caderno docente e obter a nota cun número é moi aburrido. Imos botarlle outra vez a man aos profes e que teñan unha columna onde poñan as cualificacións con palabras.

O teu traballo:

  1. Crea outra folla de cálculo con dez alumnos e as notas de tres actividades (inventa as cualificacións).
  2. Noutra columna calcula a media deses exercicios e na columna final usa unha a fórmula =SE() se o teu programa está en galego, =SI() en castelán e lembra =IF() se o fas en inglés, por exemplo en GoogleDrive.
  3. Como farías para poñer Ben, Notable e Sobresaliente? Consulta esta páxina de axuda.
  4. Sube ao teu blog unha captura da túa folla de cálculo na que se vexa a fórmula que usaches.

Presentando un periférico

Sen entrar en grandes debates a efectos prácticos chamaremos periférico a calquera dispositivo que se conecta ao ordenador, sexa por cable ou sen fíos, e non está dentro da caixa. Agora sodes vós os profes: cal é o voso favorito?

O teu traballo:

Escolle un periférico e un día deste mes e tes que xogar a ser profe. Trae  material que consideres oportuno para contarlle aos teus compañeiros toda a información que deas pesquisado sobre o teu dispositivo.

Velaí vai unha proposta de  rúbrica do que imos valorar na charla de cada un de vós.

Táboas de enrutamento con CLI

Fixemos o enrutamento estático de dous routers usando o modo gráfico. lembrades? Hoxe traballaremos co CLI.

O teu traballo:

O noso obxectivo é xusto  esa imaxe que vedes. Pequeno recetario:

  1. Nos ordenadores poñer as IP indicadas e o gateway que escollades.
  2. Ver se fan ping os equipos dentro da mesma rede.
  3. Configurar os routers co CLI
  4. Hoxe non vale poñer as rutas estáticas en modo gráfico. Directamente no CLI. Eu no router da dereita tecleei:

ip route 10.0.0.0 255.0.0.0 20.0.0.1

ou sexa: os paquetes que queren ir á rede 10.0.0.0 (con máscara 255.0.0.0) teñen que entrar polo router da esquerda, xusto pola interfaz primeira á que van chegar que no meu caso é 20.0.0.1

Na captura o que obteño no router da dereita. Fai as capturas dos teus routers e súbeas ao teu blog. Explica ben todo para facelo de corrido todos  os días.

Tipos de rutas dun encamiñador

As táboas de enrutamento gardan tres tipos de redes: as que están directamente conectadas a unha das bocas do router, as redes remotas e a chamada ruta predeterminada que vén sendo algo así como “calquera outro sitio” Como saber a onde mandar un paquete que quere ir a unha rede remota?

O teu traballo:

Temos dúas posibilidades para que o noso router saiba por que boca mandar un paquete que lle acaba de chegar: dicirlle nós a onde ten que ir tecleándollo na configuración (estaticamente) ou ben configurándoo para que use algún algoritmo que trae de fábrica (dinamicamente).

Hoxe toca facelo estaticamente, ou sexa, tecleando a man o que queiramos.

Lembras que traballamos en Packet Tracer cun router soíño conectado a unha única rede? Volve a ese exemplo, usa unha IP de clase A e teclea no CLI o comando show ip route e explica o que alí sae con capturas de pantalla.