Cambio climático

Estivemos visitando a exposición organizada por CEIDA titulada “Cambio climático: O reto do século XXI”. Montámola polos corredores do cole para que a visitara toda a comunidade educativa.

Os alumnos de 1º e 2º da ESO fixemos diversas actividades:

  • visualizar  o vídeo que proponían os materiais de CEIDA
  • pequeno  debate sobre o tema
  • traballar paseando entre os carteis.

Lembrade que na libreta tedes que ter anotado:

O teu traballo:

  • Visitar a exposición e traer unha pregunta dalgún dato ou idea que te chame a atención para propoñerlla ós teus compañeiros na aula (vale traer anotada a resposta)  😉
  • Escoller un cartel e anotar o máis relevante para a posta en común, dúas ou tres ideas son dabondo
  • Podedes engadir comentarios a este artigo coas vosas preguntas
  • Se queredes podedes consultar os materiais da exposición aquí.
  • Se atopades páxinas sobre o tema convidádenos a visitalas compartíndoas nos comentarios a este artigo. Por exemplo, tamén é interesante botar un ollo a Climántica.

Proposta voluntaria

Entrevistar a xente maior  (gravala en vídeo ou só o audio) para facer o noso estudio científico local propoñéndolles preguntas  para investigar se son conscentes do cambio climático. Ideas para preguntar:

  1. Chovía máis cando Vd era cativo?
  2. Nevaba polo Nadal daquela?
  3. As néboas eran como agora?

Entregade os resultados das enquisas nun documento completando os datos que obteñades cunha pequena crónica das anécdotas e opinións dos velliños que entrevistedes: moito respecto pola súa sabedoría

Proximamente veremos os resultados neste mesmo artigo 😉

Entramentras ben guapiños que saídes nestas fotos e nas que xa colguei na web do cole:

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Velaí vai unha presentación feita por unhas compañeiras:

Presentación cambio climatico

Podemos facer críticas? Por exemplo cómpre ter en conta que os textos teñen que poder lerse!!, algúns dos vosos párrafos teñen un fondo demasiado forte para a cor da letra.

 

 

Advertisements

Outro estado da materia

Sabemos que engadindo enerxía a unha substancia, por exemplo quentándoa podemos pasala do estado sólido ó líquido e ó gasoso. Lembrades o dos iscos?

Que pasa se seguimos subindo a temperatura “só” uns milloncetes de graos? Chegamos a un novo estado da materia que é o plasma.

O teu traballo:

Averigua e anota na túa libreta:

  • Que é un ión?
  • Trata de averiguar en internet cal é o estado da materia máis frecuente do Universo. Que porcentaxe da materia do universo está neste estado?
  • Anota algunhas características deste novo estado
  • Busca exemplos de plasma no noso arredor
  • Participa nos comentarios publicando fotos que atopes que teñan que ver co estado plasma. Lembra consultar aquí para engadir imaxes nos comentarios

Podemos ver tamén o seguinte vídeo:

Cociñando coa materia

Un científico ruso chamado Mendeleiev decatouse que todos os elementos da naturaleza poden clasificarse contando os seus protóns. Imaximenos que temos unha chea de protóns:

  • se temos un só protón o que temos é hidróxeno,
  • se xuntamos dous  esa parella resulta ser helio,
  • se xuntamos tres protóns”fabricaríamos” litio
  • e asi ata chegar a un dos elementos máis importantes para a vida que é o carbono, que no fondo… só son seis protóns.

Esto é TODA a materia que existe. Algúns destes elementos por ser tan raros non existen nen na naturaleza, só nos laboratorios. Todo o resto das substancias que imaxinedes son combinacións destes elementos.

A imaxe representa esa ordenación dos elementos de Mendeleiev:

Se queremos ver todas as propiedades que se coñecen de cada elemento abonda con poñer o seu símbolo nesta caixiña:

Se calcamos en Submit dános  todos datos.

O teu traballo:

  • Fai na túa libreta unha táboa na que poñas o nome dun elemento que coñezas, o seu símbolo (o nome abreviado, p.e. Au para o ouro), o numero de protóns que necesitamos para identificalo e se é sólido, líquido ou gas. Busca axuda noutras páxinas web por exemplo aqui.
  • Participa nos comentarios deixando ligazóns a páxinas que atopes que teñan que ver con este tema

Solazo

Erupción solar do 31 de Agosto

Lembras onde estabas o 31 de agosto? Aínda na praia?  Mentres ti estabas alí o noso Sol estaba expulsando materia pois estamos cerca do máximo no ciclo solar.

Si, si, ese puntiño azulado na foto é o tamaño da nosa Terra, por suposto que estamos máis lonxe do  que aparece na imaxe, concretamente a unha unidade astronómica de distancia.

Parte de toda esa materia expulsada chegou onda nós e a magnetosfera tivo moito que ver. O día 4 de setembro fotografiaron en Yukon (EE.UU.) unha aurora boreal preciosa:

Aurora Boreal en Yukon o 4 de setembro

Podes ver toda a erupción no vídeo seguinte:

O teu traballo:

Agora tócavos investigar un pouquiño e redactar os vosos comentarios:

  • Que é un ciclo solar?
  • Cal é a función da magnetosfera terrestre?
  • Que é unha aurora boreal ou austral?
  • Engadide  ligazóns se atopades algún vídeo dunha aurora boreal
  •  A que se deben as cores?
  • Pódense ver auroras boreais en Galicia?  E logo? Copiade algunha ligazón dun xornal

De ovos e de vidros

Vidrieira na Grace Cathedral de San Francisco en homenaxe a Einstein

Déixovos ligazóns do que falamos estes días que vos poden interesar:

Un artigo dun científico Claudi Mans no que nos relata como traballan os científicos cando queren averiguar o que preguntaba Óscar: o que acontece nun microondas cando metemos un ovo. Se o facedes na casa que sexa con permiso do/a xefe/a da cociña 🙂

Falamos tamén do vidro e dos seus usos, por exemplo nas vidrieiras das catedrais. Atopei esta curiosa vidrieira nunha páxina web de ciencia que é unha das miñas favoritas. Non sei se a coñecedes: xatakaciencia, está chea de vídeos de cousas curiosas e explicacións científicas interesantes.

Volvendo ó noso tema, un pequeno vídeo no que nos contan a diferencia entre o cristal e o vidro

E os cristais máis grandes que creou a naturaleza están nas covas de Naica en México. Non é unha preciosidade?

O teu traballo:

Buscar información sobre:

  • Como funciona un microondas?
  • Que é un sólido amorfo?
  • Cales os os ingredientes para fabricar vidro?

Visita a Sotavento

Estivemos de visita no Parque Eólico Experimental de Sotavento. Por suposto que saímos guapetóns na súa web

Eu nunca vira as “tripas” da góndola dun muíño. Tampouco un coche de hidróxeno. Pero o que máis nos impresionou ós profes foi a casa bioclimática. Foi como viaxar ó futuro no que nos gustaría vivir.

Propoño que comentedes neste artigo as ideas máis importantes de todo o que nos contaron  no Parque Eólico sobre enerxías renovables. Vale usar como chuleta a web de Sotavento pero non vale copiar e pegar 😉 Cando teñamos comentarios dabondo seleccionamos os que nos parecen máis interesantes e tomamos nota na libreta para discutilos na aula

Quedas convidado/a a participar na enquisa: